Sono ou realidade?

Sono ou realidade?

martes, 12 de abril de 2016

RECENSIÓN SOBRE O ÁLBUM ILUSTRADO "A AVOA ADORMECIDA"


PARMEGGIANI, R; CARVALHO, J (2015). A avoa adormecida. Pontevedra: Kalandraka.

A avoa adormecida é o nome da obra que decidimos traballar para a materia de Literatura Infantil e Dramatización do Grao en Mestra de Educación Infantil. Polo título pódese intuír que, unha das súas protagonistas, vai ser unha avoa e que, tal vez, poida non ter un final feliz como nos acostumaron a nós de pequenas a través dos contos que líamos ou nos lían.

Tras poder botarlle unha ollada ao álbum ilustrado comprobamos que o argumento do mesmo narra, a través da voz dun neto, o tempo de enfermidade da súa avoa, así como o tráxico final, o da súa morte. Sen embargo, a forma de narrar a historia é totalmente novidosa . Chama poderosamente a atención como se ven estes acontecementos a través da mirada dun neno que idolatra á súa avoa. A través da inocencia infantil que este representa.

Gracias ás explicacións que lle da a súa nai, o neno pode imaxinar todas as aventuras que está a vivir a súa avoa durante o seu profundo sono. Algunhas destas son, por exemplo, a similitude que fai da muller coa Bela Adormecida, á espera do bico dun príncipe que a esperte. Ou que, tal vez, estea a soñar con moitas cousas fermosas que lle gustan coma o mar, a limoada ou os papaventos.

Ao longo do álbum o protagonista fai un breve recorrido polos recordos que ten das cousas que soia facer a súa avoa antes de que esta caera no seu sono infinito. En definitiva, narra o comezo da enfermidade, cando a súa avoa comezaba a facer cousas estrañas, polo menos para a vista dos adultos. Por exemplo, atopala bailando un vals no salón, recollendo flores para botalas na sopa, ou querer ir á lúa.

Tamén recorda as cousas que soían facer xuntos antes de que comezara a enfermidade, cousas marabillosas para o protagonista xa que, polo que se pode intuír, mantiña unha relación moi estreita con ela.

Ao final deste álbum podemos observar tanto coa lectura do texto como nas imaxes o baleiro tras a perda da súa avoa. Sen embargo, a pesares de ser un acontecemento triste e tráxico, o neto segue dando a súa visión optimista desta perda, tratando de imaxinar que, a súa avoa quizás estea xa co seu príncipe, que veu para levala con él. E que, ademais, de seguro estea vivindo todas as experiencias e aventuras fantásticas que lle gustaban.

A obra, segundo o noso punto de vista, é moi interesante xa que vemos moitos elementos positivos dentro da mesma. En canto á súa estrutura e referíndonos a un aspecto máis formal, vemos como a historia está narrada dun xeito sinxelo e claro, moi importante para a comprensión que fagan dela os nenos ou nenas para os que, en principio, vai dirixida.

Ademais vemos diferentes recursos literarios segundo vamos avanzando na súa lectura. Por exemplo, repítense a miúdo, frases como a de “...a miña avoa durme”, “...durme todo o rato”, atopándonos, neste caso cunha reiteración que, como sabemos, axuda aos nenos e nenas a recordar dun mellor xeito os feitos, así como á súa vez dálles confianza e fomenta o acto de pensar no que está a ocorrer na historia. Tamén, estamos ante unha metáfora constante, onde o autor trata de comparar a morte cun profundo sono.

Como dicimos, a narración pola súa sinxeleza e a súa brevidade, parécenos un aspecto bastante positivo na etapa na que nos estamos a referir, a da Educación Infantil. Pero destacamos tamén a súa coherencia e adecuación en canto ao contido que estamos a ler.

O álbum ilustrado presenta imaxes a dobre páxina na maioría das ocasións. Imaxes bastante sinxelas e pouco convencionais. En todas elas aparecen os elementos xustos e necesarios para representar o fragmento da narración que se está a contar, evitando elementos engadidos que poidan despistar ou que non sexan precisos.

En calquera caso, parécenos bastante divertidas, a pesar de que as cores soen ser bastante repetitivas e non son extremadamente chamativas ou brillantes como as que podemos atopar noutros libros. Predomina a tonalidade azul, que é algo que nos chamou a atención xa que, tal vez, esta técnica forme parte das metáforas que introduce o autor, referíndose á morte. O mar azul, o ceo azul, etc.

A  través delas é bastante doado para o lector ou lectora, seguir os acontecementos do relato e poder darlles sentido. Ademais, cremos que non son totalmente explícitas, polo que, dentro dunha aula, poderíamos tratar de que os nenos e nenas imaxinen a historia e poidan dar as súas propias interpretacións da mesma.

Cremos que esta obra pode trasladarnos a un montón de emocións distintas a medida que imos pasando as súas páxinas. Polo tanto, se a nós é capaz de facernos sentir, estamos seguras de que ao público infantil tamén.

Pero... ¿por que a eliximos tendo a opción de traballar con outras obras, quizais, con temáticas aparentemente máis divertidas ou menos complicadas?

Como futuras mestras de Educación Infantil, cremos que este relato tería unha cabida dentro das nosas aulas xa que, como sabemos, debemos saber abordar diferentes conflitos e inquedanzas que poidan estar a vivir os nosos alumnos e alumnas.

Algunha de nós tivo que pasar pola perda dalgún ser querido ou, coma neste caso, dunha avoa coa que tiñamos unha relación moi estreita. Sentímonos, polo tanto, reflexadas no relato da historia. Unha das preguntas que nos facíamos cando decidimos comezar a traballar con este álbum foi a de “se foi duro e complicado para nós lograr xestionar os sentimentos que nos causou a perda dunha avoa sendo adultas, como vamos a lograr traballar un tema coma este dentro dunha aula?”.

Ademais, nós vimos dunha educación na que, en moitos casos, temas como a enfermidade ou a morte eran tabú para os nenos e nenas. Moitas veces estes temas son obviados polos adultos para “protexer” aos máis pequenos. Dende o noso punto de vista, non debemos ocultar ou “pasar por alto” o momento de abordar este  tipo de situacións con eles e elas. De non ser así, non van a ser capaces de comprender por que unha persoa que adoitaba pasar tempo con eles e elas, xa non o vai facer. Que pasa con esa persoa? A onde vai? Volverá?...

No relato comprobamos que o neto é consciente de que a súa avoa está a facer cousas que nunca antes fixera. Cousas estrañas, extravagantes. Por tanto fainos reflexionar como, ás veces, se trata aos nenos de ocultar cousas que están a ver cos seus propios ollos. E antes de que poidan sacar conclusións equivocadas ou mal xestionar as emocións que estas lle producen, debemos tratar o tema con eles dun xeito claro, sen facer coma que non pasa nada. Non precisamos ser explícitos ao cen por cen, pero si tratar de facerlles comprender a situación que está a acontecer. Neste sentido este álbum parécenos moi adecuado, poderíamos tratar de explicar e ver que interpretacións sacan ao respecto.

Unha das cousas que máis nos gustou desta obra é que narra moi ben, e dunha forma bastante detallada, a historia do comezo dunha enfermidade moi común na nosa sociedade actual, como é a demencia nas persoas maiores así coma a perda das mesmas.  Todo isto faino tirando do humor e a imaxinación dun neno, mirando cun positivismo admirable as distintas situacións polas que vai pasando a súa avoa e que, para os adultos resultan moi duras pero que, para el, coma neno que é, veas divertidas.

Na infancia, os nenos e nenas teñen a misión de descubrir e experimentar co mundo que os rodea. Polo tanto, pensamos que dende a escola debemos permitir que isto sexa posible. Na escola non estamos encerrados entre catro paredes, alleos ao mundo exterior. Debemos aproveitar o entorno que nos rodea e poder transmitir aprendizaxes significativos para os nosos alumnos e alumnas. Ademais son eles quen, inconscientemente, nos amosan as súas inquedanzas, preocupacións e curiosidades.

Por este motivo, non debemos obviar as situacións familiares e cotiás que viven os nosos pequenos fora das aulas. Hoxe en día, en moitas familias non é doado levar a cabo unha conciliación familiar debido á complexidade de compaxinar o mundo laboral co familiar. Por iso, estamos acostumadas a ver que, en moitos casos, son os maiores da casa os que botan unha man e axudan á crianza dos menores. Vemos como, cada vez mais nenos pasan moito tempo cos seus avós e avoas e que, entre eles, existe unha relación moi estreita e cercana.

Vemos neste aspecto, un punto moi positivo, xa que para os nenos é moi importante pasar temo cos nosos maiores pero, igual de importante cremos que é que os maiores se vexan implicados en tarefas cos seus netos e netas. Que se vexan útiles e poidan facer actividades coa familia.

Ao fío disto, vemos coma na historia que se nos conta, a relación entre a avoa e o neto parece ser moi estreita, tal e como comentamos con anterioridade. Vemos reflexada nela a actualidade que estamos a vivir no noso entorno máis próximo. Moitos dos nosos alumnos ou alumnas pódese ver reflexado en este aspecto.

No momento no que escollemos este álbum sabíamos perfectamente que o final que tiña non ía a ser alegre. A pesares disto, sorprendeunos como o autor é capaz de levarnos ao final cun sorriso, facéndonos cómplices das aventuras imaxinarias que o neto pensa que está a vivir a súa avoa.

Unha das cousas coas que nos quedamos é coa tenrura e o bo recordo que ten este neno da súa avoa. Non se centra exclusivamente na perda, senón en todo o bo que con ela viviu durante o tempo no que puido desfrutar dela.

Isto pode darnos unha lección a nós, os adultos, sobre como a imaxinación que teñen os nenos (e que nós mesmos, de seguro, tiñamos e que, posiblemente perdemos gran parte dela), é capaz de facerlles ver as cousas dun xeito diferente e cun significado diferente ao que nós lle podemos dar.

Por iso, e para rematar, vemos interesante pero, sobre todo, necesario, tratar temáticas que, nun principio, poden parecernos complexas ou difíciles de tratar nunha aula de infantil. Como puidemos comprobar, podemos botar man de materiais didácticos, neste caso álbums ilustrados. Para isto é preciso que a persoa mediadora, ben sexa unha mestra, un pai, unha nai, etc., sexa capaz de traballalos dun xeito adecuado, deixando que sexan os propios nenos e nenas os que constrúan de maneira significativa o seu propio coñecemento.



No hay comentarios:

Publicar un comentario